Transcripción realizada por Luisa Cuevas Raposo, Responsable de la sección Género de Cubainformación y miembro de la Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil".


Gira "Bloqueo y Mujer en Cuba": periodista Dixie Edith Trinquete (cobertura en Cubainformación)

“Cuba vive un momento difícil, pero aí seguimos”

Cilia Torna – Nós Diario.- A profesora da Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade da Habana, Dixie Edith Trinquete, atópase estes días na Galiza explicando as políticas en materia de xénero do Goberno cubano. Nesta conversa con Nós Diario achega os eixos básicos e os retos que ten por diante o movemento feminista na illa.

Cal é a situación económica e social da illa de Cuba neste contexto marcado pola pandemia e polo paro na actividade turística?

Cuba vive un momento difícil, pero á vez, de intenso traballo de actualización lexislativa e normativa en moitas frontes.

Non se pode entender a situación do país sen facer un pouco de historia. Cando en 2019 entrou en vigor a máis recente Constitución da República, que foi debatida e aprobada pola maioría da poboación, estabamos no medio da Administración de Donald Trump, que como nunca antes retomou a axenda política agresiva e de asfixia económica contra o país.

Nese período adoptáronse máis de 240 medidas restritivas unilaterais desde os Estados Unidos, perto de 60 delas no medio da Covid-19, que agravaron as condicións económicas nun país cuxa principal fonte de ingresos, o turismo, practicamente desapareceu coa pandemia. Pero aí seguimos. Detívose o decrecemento que xerou a crise económica global, brindouse protección aos traballadores e á poboación vulnerável durante a pandemia e tamén se adoptaron ou melloraron políticas para maximizar a produción agropecuaria, promover o desenvolvemento local e ampliar o sector non estatal da economía.

Estes días atópase na Galiza para explicar as políticas de xénero do seu país, que resaltaría das mesmas?

En Cuba lexislouse moito e moi rápido, sobre todo os primeiros anos despois do triunfo da revolución. Non só en favor das mulleres en particular, senón que se tomaron camiños de políticas sociais que beneficiaban a todo o mundo, pero en particular ás mulleres.

Estamos a falar de leis que permitiron o acceso ao aborto libre, gratuíto e en institucións de saúde, igualdade salarial ante iguais postos de traballo, acceso á planificación familiar e á educación en igualdade de dereitos, entre outras. As mulleres cubanas están na esfera pública e son protagonistas. Avanzamos moitísimo. Con todo, vivimos nun país de herdanza patriarcal e esa formación cultural non se borra con facilidade.

Actualmente atopámonos nun proceso de actualización de todas esas normativas e políticas para axustalas a unha realidade diferente, e para profundar o exercicio de dereitos.

O pasado ano entrou en vigor o Programa Nacional para o Adianto das Mulleres (PAM), que se contextualiza no camiño renovador e de integración que deixou aberta a aprobación da Constitución 2019. Igualmente, aprobouse a Estratexia Integral de Prevención da Violencia de Xénero e a Violencia no Ámbito Familiar, que integra a acción institucional e gobernamental fronte á violencia.

Actualmente en Cuba se está a debater o Código das Familias, que aspectos destacaría do mesmo e que outros considera necesarios modificar?

O Código das Familias busca protexer as diversas realidades familiares existentes na Cuba de hoxe e é un documento medular para a sociedade cubana do presente e do futuro. No Código contémplanse todas estas realidades familiares, atende á violencia de xénero, ás relacións coa familia transnacional e tamén achega novas realidades familiares como as parellas do mesmo sexo ou as familias multiparentais ou incorpora novos dereitos para os nenos e as nenas.

Tamén aposta pola responsabilidade compartida de nais e pais, por ampliar as proteccións ante un divorcio, entre outros moitos temas. É unha norma moi extensa con aspectos novidosos.

Os retos do feminismo cubano

Dixie Edith Trinquete sinala entre os retos do feminismo cubano para os próximos tempos “a necesidade de atender con minuciosidade a maneira en que se diversifica o escenario económico para que iso non derive en fendas de empoderamento para as mulleres, seguir perfeccionando a prevención e atención á violencia de xénero e continuar desnaturalizando a nivel cultural mitos e estereotipos que obstaculizan a igualdade e sobre todo seguir capacitando, educando, formando en cultura de igualdade e de dereitos”.

Na mesma liña, Dixie Edith Trinquete destaca que durante a pandemia “Cuba priorizou os recursos para a atención de saúde, a investigación científica que derivou en cinco vacinas e outras terapias para frear a Covid-19, co cal pode entenderse a difícil situación económica que hoxe se vive”.

Solidaridad
Cubadebate La XXIX Cumbre Iberoamericana, celebrada en Cuenca, Ecuador, fue escenario de múltiples expresiones de solidaridad con Cuba, por los recientes fenómenos naturales que han afectado a nuestro país, así como de f...
Cubainformación.- Desde la Universidad Autónoma de la Ciudad de México (UACM) se ha convocado al conversatorio on line "Cuba en el contexto internacional. Solidaridad sí, bloqueo no", para el próximo viern...
Lo último
La Columna
La Revista