Erea del Rio, Gianny Ruffo, García Seoane e Yahima Martínez (de costas, de esquerda a dereita) cantan o Himno Galego e a Bayamesa, no comezo do Memorial de Moncada 2022 en Oleiros.


Rosa Lemos – Terra Sen Amos.- Martí ten en Oleiros unha linda herbeira marcada por faias lanzais e poderosas palmas africanas, un panasco galego-cubano para honra do heroi nacional de Cuba. Erea del Rio, presidenta da Francisco Villamil, di que Oleiros é a capital da cubanía de Galiza. Neste ano de bloqueo infernal, de bloqueo de todos os bloqueos de parte dos EUA contra Cuba, a celebración do Asalto ao Moncada atrae máis bandeiras galegas e cubanas e cartaces ao monumento do poeta e guieiro independentista. Ao pé do alado rombo de pedra de Martí, están Erea del Rio, Yahima Martínez, cónsul xeral de Cuba en Galiza, o alcalde Ángel García Seoane e o presidente da Asociación Cultural José Martí, Gianny Uffo.

Nun momento crítico do cerco que padece cuba dende hai seis décadas, Del Rio aborda razóns de esperanza realista. A primeira é que por volta dun ano os feitos vandálicos do 11 de xullo de 2021 gañaron o cualificativo preciso de conspiración criminal contra Cuba; que a revolta non procede do pobo da illa senón que foi promovida dende o porta-avións estratéxico de Miami e que fracasou no seu intento de alzar ao pobo cubano contra seu propio goberno.

Recorda que nesa data había na illa máis de 320.000 casos activos de COVID-19 e que a convocatoria da CIA, hipocritamente pacífica, violentaba o control epidémico e puña en risco moitas vidas. Pasado un ano, para poderen afirmar que Cuba está nas últimas, os estrategos do Bloqueo finxen ignorar que Cuba ten máis do 80% da poboación inmunizada con vacinas propias e que xa contan meses sen teren unha morte por COVID.

A segunda observación positiva, é que está a medrar a indignación internacional contra o bloqueo imposto a Cuba. O mundo denuncia escandalizado o cerco máis longo e cruel da historia, de parte do goberno máis armado e rico do planeta contra unha illa sen grandes recursos. “Para defendermos Cuba contra o imperialismo –sinala a presidenta da Francisco Villamil – participamos en novos espazos de contra-información coma o Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) creado en 2021, ao que se suman os traballos de 45 asociacións e entidades amigas de Cuba e da súa Revolución”.

Salienta a seguir que por volta de 60 anos de bloqueo, o socialismo cubano ten avances reais coma o feito de as mulleres seren o 55% da forza laboral e que delas depende en boa medida o desenvolvemento do país porque representan o 67% do profesorado, o 62% dos médicos e o 64% das heroicas equipas internacionalistas de Cuba, presentes en todo o planeta. Cita o  Observatorio de Xénero da rexión latinoamericana, que acredita que as mulleres cubanas están en posesión das tres autonomías: física, económica e de toma de decisións; perciben salario igual e, por Lei, todos os empregos son de acceso igual, respectando premisas que foron establecidas pola Revolución.

Pechando a súa intervención, recorda Erea que a Asociación de Amizade Galego-Cubana que leva o nome de Francisco Villamil, maior xeneral do Mambís, nado na beira do Eo e biografiado por Neira Vilas, ven de abrir  un novo local no centro de Vigo con vontade de devir Casa da Solidariedade. “Inspíranos a indeclinábel vontade independentista de Cuba, o seu proxecto de convivencia socialista e o exemplo dunha solidariedade internacional que o depredador do Norte combate coma se fose unha ameaza armada”. Entre aplausos rematou con vivas a Revolución e seus dirixentes.

Lembrar a historia e honrar a orixe

Celebrou o presidente da Asociación Cultural José Martí de Cubanas y Cubanos residentes en A coruña, Gianny Uffo Pérez, no comezo da súa intervención, poder estar na data simbólica da Revolución Cubana á beira dunha figura coma a de Martí, importante para Cuba e para a humanidade enteira polo seu ideal anti-imperialista, pensamento revolucionario e principio da unidade nacionalista. “Nun intre crítico coma o que vive a humanidade con guerras, pandemias, crise económica e catástrofes naturais, é preciso recordar a historia para non esquecermos de quen somos e de onde vimos: 26 de xullo representa para a poboación de Cuba a decisión de non permitir nunca que outro pais veña a marcarnos o camiño”. Recomenda unidade a cubanía residente no exterior para non esquecer a patria, axudala contra un bloqueo que interfire desenvolvemento económico e vida do pobo e unirse coa solidariedade internacional para defender Cuba. Entende que unha asociación cultural coma a que preside, que se honra co nome de Martí, debe divulgar a verdadeira situación de Cuba contra a que espallan os media dominantes. “Compartindo esta data entre galegos e cubanos, ratificamos o camiño axeitado de Cuba e como cubano, agradezo a importante solidariedade con Cuba de parte de Oleiros e doutros lugares”.

No comezo da intervención de Ángel García Seoane, cinco asistentes, un deles embozado até as palpebras, que portaban un lenzo con aldraxes contra o Che xunto o lema Patria y Vida, proferiron apupos que foron logo afogados pola protesta da maioría. O alcalde retomou de contado a palabra para saudar a Cónsul de Cuba, ao Consul de Venezuela e as asociacións da solidariedade presentes ás que agradeceu fidelidade e traballo a prol de Cuba. Dixo que os que tentaran frustrar o acto, pertencían a bandas controladas por cipaios ao servizo de multi-nacionais e acubillados no paraugas dos servizos secretos do imperio ianqui; moitas nacións están metidas en guerra e desangradas polos mesmos de sempre, aproveitados das materias primas e riquezas dos pobos. “Cuba foi un grande exemplo coa súa revolución a prol da liberdade e en defensa da independencia dos países de América Latina e África, unha loita pola que moitos cubanos e cubanas deron a súa vida. Cuba conquistou a súa independencia total nunha Revolución que comezara Céspedes, continuada por Martí e culminada por Fidel, sen que a dia de hoxe, pasados máis de 69 anos, o imperio ianqui puidera derrubala”.

A cooperación internacional de Cuba, engade, é  unha lección de humanidade para o mundo; persoas de ben que levan con orgullo e defenden súa cubanía. “É libre Cuba, sen amos nin ataduras e precisa máis do que nunca o apoio de homes e mulleres comprometidos coa dignidade, liberdade e soberanía dos pobos”.

Recorda García Seoane que o goberno municipal de Oleiros colaborara dende 1984 co goberno de Cuba “para romper o indignante e aberrante bloqueo co que o goberno dos EUA tortura ao pobo cubano, infamia na que conta co apoio indistinto do PP e do PSOE”. Di que no entanto o seu partido goberne o Concello, “Oleiros será un baluarte na defensa da Revolución e do pobo de Cuba; igual que foi porta de entrada en Cuba de cooperantes, asociacións e empresarios; foron milleiros as persoas que nos acompañaron a Cuba para coñeceren as políticas de sanidade e educación que o pobo conquistara grazas a Revolución; tamén para informalos do bloqueo e das necesidades que o imperialismo provocaba ao coutar o comercio con Cuba. Debemos deixar claro que nin Fidel nin o pobo de Cuba son responsábeis das carencias que o pobo está a soportar”. García Seoane rematou a súa intervención entre aplausos lanzando con ben entoada voz un “Patria ou Morte Venceremos!”

Para a Cónsul Yahima Martínez Millán, era alta e prezada a ocasión de poder celebrar a data histórica do 26 acompañada da solidariedade e nunha cidade coma Oleiros, cruzada de rúas e vieiros con nomes da cultura cubana e latinoamericana. “Unha cidade na que residen cubanos de nacemento mais tamén outros cubanos de corazón coma o alcalde Gelo, merecedor da distinción de Fillo Adoptivo da Habana; por todos os anos de amizade co noso país: moitas grazas” (aplausos)

Unha Revolución Social

Recordou a Cónsul que o asalto aos cuarteis de Moncada e Céspedes marcara o camiño para o triunfo revolucionario de xaneiro do 59 e a transformación de Cuba en 60 anos.”Hai datas que son base do cambio e que marcan camiño para etapas novas. En 26 de xullo do 53, comeza unha nova época para Cuba e Latinoamérica de cara a un cambio fondo, unha revolución social. Cinco anos,  cinco meses e cinco dias depois, trunfou a Revolución Cubana que derraigou todos os males que apreixaban e denigraban a República”. A vontade de independencia nacional, xustiza social e internacionalismo sinalou un camiño para afirmar a soberanía, a reivindicación dos desvalidos, a transformación da sociedade e o desempeño internacional de Cuba, malia o bloqueo inxusto que establece o governo dos EUA.

Refírese Yahima Martínez a Xeración do Centenario de Martí (xullo de 1953) e ao devezo de manter vivo o legado do Guieiro, e recorda que o compromiso da xeración actual é continuar as ideas de Martí e de Fidel. “Nesta loita non existe conformismo e somos conscientes dos problemas centrais de Cuba, do que falta por facer e das potencialidades por atinxir e de facer máis eficiente, xusto e democrático  o noso socialismo nun momento de recursos terciados. Dende hai 60 anos o pais mantén un esforzo para superar atrancos e sair adiante malia un bloqueo que semella non ter fin. En Cuba estamos en 26 porque tal e como pensaran Martí, Fidel e o Che, a batalla económica está unida a batalla política, porque non se pode derrotar un pobo que non se vende. A Xeración do Centenario deunos a proba de que cando prevalecen a dignidade e a grandeza dun pobo todas as datas do calendario son días de loita: Patria ou Morte, venceremos!” (aplausos)

A voz de Raquel Capote e a guitarra de Roger Acosta, que actúan baixo o nome de Son al Son, abriron programa, marcaron unha cesura entre oradores e despediron o acto. As tres intervencións de cadencia guajira e armonía limpa, foran premiadas con fortes aplausos.

A máis do xa citado Martín Pacheco Morillo, cónsul xeral da República Bolivariana de Venezuela, entre o público estaban Ana Mosquera, presidenta da Asociación Galego-Bolivarina Hugo Chávez (AGABO) Ricardo García Mira, fundador e primeiro presidente da Asociación José Martí de Cubanos e Cubana Residentes en A Coruña, integrantes do grupo de goberno do Concello de Oleiros e representantes de partidos, sindicatos e organizacións solidarias.

Solidaridad
trabajadores.cu.- El mes de agosto se ha iniciado con una intensa solidaridad hacia Cuba. De un extremo a otro del mundo se ha escuchado con fuerza en los últimos días un reclamo unánime: su exclusión de la ileg&iacut...
Canal Caribe Alterno.- La Empresa Farmacéutica “8 de Marzo”, en esta capital, fue escenario del acto de entrega de la ayuda brindada por el Gobierno de la República de la #India, consistente en diez millones de euros. L...
Lo último
El Fidel nuestro, universal, incomparable
Canal Caribe Alterno.- Justo en el día del aniversario 98 del natalicio del comandante en jefe, les ofrecemos el último testimonio de la serie realizada por el Centro Fidel Castro Ruz. Se trata de las vivencias del humilde y labori...
Ver / Leer más
La Columna
FIDEL es
La Columna es un espacio libre de opinión personal de autoras y autores amigos de Cuba, que no representa necesariamente la línea editorial de Cubainformación...
La Revista