Asociación de Amizade Galego-Cubana "Francisco Villamil" -  Cubainformación.- O 20 de xaneiro de 1984 constituíuse a primeira Xunta Directiva da Asociación de Amizade Galego-Cubana "Francisco Villamil". Con tal motivo, este pasado 20 de xaneiro, celebrouse a asemblea anual da asociación e conmemorouse o seu 40 aniversario.


Na asemblea fíxose balance das actividades realizadas no ano 2023 e aprobouse o Plan de Traballo do 2024 co obxectivo central do noso apoio ao povo cubano e á súa Revolución.

As campañas centrais do noso facer serán a loita política contra o bloqueo en forma de concentracións, declaracións e campañas mais tamén a ruptura na práctica dese bloqueo coa venda de café e azucre cubanos. Tamén romper o bloqueo informativo coa nosa presenza en medios amigos, xunto co noso proprio voceiro dixital "Terra sen Amos" e coa nosa colaboración en Cubainformación.

Continuaremos tamén co envío de medicamentos e material sanitario a Cuba por medio do proxecto das "Formigas Solidarias".

Será outra actividade fundamental a presentación por todo o país do libro "Francisco Villamil, heroe da guerra de Cuba e xeneral de división do mambís nacido en Galiza" editado pola nosa asociación precisamente para
conmemorar estes 40 anos de solidariedade e dar a coñecer quen era este home do que toma o nome a asociación.

Por outra parte, continuaremos coa nosa presenza nas rúas en datas importantes para Cuba como é o aniversario do natalicio de José Martí, o aniversario do asalto ao cuartel Moncada e a votación na ONU da resolución contra o bloqueo. Manteremos e ampliaremos a nosa presenza en festivais como A Arribada, o Festigal ou o Festival da Poesía do Condado e en mobilizacións como o 1º de maio, 25 de xullo, etc.

Temos previstas finalmente palestras para divulgar os contidos do Tribunal contra o Bloqueo que se celebrou en Bruxelas no mes de novembro e continuaremos a nosa coordinación co Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC).

Rematada a asemblea, a Consul Xeral de Cuba en Compostela entregou á asociación un recoñecemento do consulado (diploma e busto de José Martí) e leu unha mensaxe do ICAP, así como un recoñecemento e agasallo das Formigas Solidarias.

MENSAXE DO ICAP POR MOR DO 40 ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN DA ASOCIACIÓN DE AMIZADE GALEGO-CUBANA "FRANCISCO VILLAMIL"

La Habana, 18 de xaneiro de 2024

Ano do 66 aniversario da Revolución

Queridos amigos e amigas:

Quixeramos agradecer e recoñecer, por intermedio desta misiva, o traballo realizado por esa querida organización, que, nos seus recén cumpridos 40 anos de existencia, constituíu o referente da solidariedade con Cuba en terras galegas.

Nesa querida Asociación, Cuba tivo sempre un fiel expoñente para a defensa da Revolución, que, como cooordinadora galega para a solidariedade con Cuba, característica esencial desde a súa mesma fundación, foi un baluarte na divulgación dos logros da nosa Patria.

Sería imposíbel resumir aquí todo o traballo desenvolto durante catro décadas. A organización de grandes actos de solidariedade, Encontros Estatais, a participación en campañas contra o bloqueo, pola liberación dos Cinco Heroes, caravanas, xornadas de cinema, exposicións, concertos, xiras de especialistas cubanos, concentracións, marchas, organización de grupos con intereses sociais e outras moitas accións, constituíu un motor impulsor da participación cidadá galega na solidariedade con Cuba.

Lembraremos sempre a extraordinaria mobilización con decenas de autobuses que, con motivo do Cumio Iberoamericano de Porto, no ano 1998, vostedes organizaron para expresar o seu apio á delegación cubana en terras portuguesas, encabezada polo Líder Histórico da Revolución Cubana, o noso invicto Comandante en Xefe, Fidel Castro Ruz.

Moito valoramos todas esas accións, así como o esforzo do valioso colectivo que integra a asociación para materializar accións de solidariedade material. Foron moitas as axudas enviadas durante os duros anos do período especial e antes, cando desde portos galegos, a través da Frota Cubana de Pesca, por entón con presenza na Galiza, recibíanse en Cuba. Esa solidariedade de expresión material, hoxe noutras circunstancias, tamén se mantivo por outras vías e medios ao seu alcance.

Por todo isto, e por moito máis, transmítolles o agradecemento eterno do noso pobo e do Instituto Cubano de Amizade cos Pobos, recoñecendo a valiosa achega da Galiza nestes 40 anos á solidariedade con Cuba no Estado español.

Moitas foron as accións e campañas ás que se ten sumado a Francisco Villamil. A participación nas campañas "Xa é hora: rachemos o bloqueo contra Cuba" e "Toneladas de Solidariedade con Cuba", é unha liña de traballo importante para seguir denunciando as limitacións que nos impón o bloqueo e para lograr sensiblizar así un público maior. A activa participación da Asociación no mecanismo de coordinación Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) tamén é un esforzo e compromiso pola unidade, ao que lle pedimos seguir contibuíndo.

O recén celebrado Tribunal Internacional contra o Bloqueo a Cuba en Bruselas, Bélxica, deixou novas ferramentas e experiencias de traballo ao Movemento de Solidariedade con Cuba, que as organizacións de amizade de toda europa deben utilizar para fortalecer a nova etapa que comeza na loita contra o bloqueo. Empreguen o veredicto como valioso documento de carácter legal para chegar a novos espazos na denuncia a esa marcada política extraterritorial.

Recentemente o ICAP lanzou a convocatoria á brigada europea de traballo voluntario José Martí, na súa 51 edición para o presente ano 2024. Pedimos tamén á Asociación que impulse unha ampla convocatoria e divulgación para involucrar un bo número de amigos e amigas, especialmente novos. Necesitamos que máis persoas veñan a Cuba, coñezan a nosa realidade e ao seu regreso, fortalezan as fileiras dos que aman e fundan, dos que nos queren e defenden, a carón de todos e todas vostedes.

Os retos que ten enfrontado a Revolución cubana ante a hostilidade de sucesivas administracións estadounidenses, vostedes saben que son enormes. O bloqueo económico, comercial e financeiro mantido desde a súa proclamación en 1962, constitúe o principal obstáculo para o desenvolvemento do noso país e a máis flagrante violación aos dereitos humanos de todo un pobo. É unha política criminal, xenocida, que pretendeu sempre o fin da Revolución.

A permamente denuncia a esa política e o dar a coñecer os seus efectos sobre todos os sectores da vida económico-social de Cuba, constitúe a tarefa principal que ten ante si a solidariedade internacional. Se a de Trump pareceu ser unha das administracións máis agresivas contra Cuba, coas súas 243 medidas adicionais e que con máis saña pretendeu a asfixia económica de todo un pobo, a actual administración de Biden practicamente nada cambiou da devandita política.

O traballo nas redes sociais continúa sendo unha batalla á que cada vez debemos prestar maior atención. Os inimigos da Revolución intentan a través da conectividade virtual reproducir as mensaxes de odio e impotencia que expresan nas súas accións presenciais. Definitivamente, o combate no escenario virtual debe incrementarse. Descaracterizar eses personaxes debe ser parte do enfrontamento ao labor de subversión ideolóxica que precisamos. Vostedes, moitas amigas e amigos galegos, souberon enfrontar, no seu momento, as accións que a contrarrevolución tentou orquestrar como parte desa campaña de odio contra Cuba.

Porén, o accionar nas redes sociais non debe estar dirixido só á defensa da Revolución, contrapoñéndonos aos que non deben ocuparnos máis tempo do necesario. A verdade e os logros de Cuba e todo o que temos alcanzado ao longo destes anos, debe prevalecer sempre como expresión do traballo comunicacional de todos os amigos de Cuba.

Queridos amigos e amigas:

Moito quédanos por facer, difíciles son as condicións ante as cales o noso pobo ten que crecerse cada día. Pero o cubano é un pobo educado nos valores da Revolución: Somos un pobo digno e traballador, un pobo que leva impregnado o pensamento humanista de José Martí, a estirpe de Maceo e as ensinanzas imperecedeiras do Che, de Fidel e de Raúl e cuxa gran maioría ten demostrado en múltiples ocasións estar á beira da Revolución.

Isto é o que non aturan os nosos inimigos. Non aturan que as súas mensaxes de odio, que as súas calumnias e mentiras, non fagan mella na vontade do noso pobo de resistir e vencer.

Ante a decisión de Patria ou Morte, de Socialismo ou Morte, berraremos sempre Venceremos!, pero non o facemos sós, senón con moitas amigas e amigos de Cuba que existen no mundo e entre tantos que temos no Estado español, os amigos e amigas galegas e especificamente os que forman parte da Asociación "Francisco Villamil".

Conten co ICAP sempre.

Viva o 40 Aniversario da Asociación de Amizade Galego-Cubana "Francisco Villamil"!

Desexámoslles moitos éxitos no traballo para o ano novo que recén comeza.

Moitas grazas.

Rigoberto Zarza Ross

Director de Europa do ICAP



Posteriormente realizouse un convivio coas socias e socios asistentes á asemblea e con representantes doutras organizacións convidadas no que a nosa presidenta fixo un pequeno percorrido pola nosa traxectoria de 40 anos.

A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil naceu a finais de 1983, sendo elixida a súa primeira directiva o 20 de xaneiro de 1984, xustamente fai hoxe 40 anos. Nela figuraban Olga Zurrón, Pilar Tellado, Lourdes Bares, Ester Casal, Jesús Cano, Jorge Tocino Maquieira, Balbino Pérez Bellas, Waldino Varela, Luis Noia, Modesto Hermida, Fernando Franco, Xulio Magariños, Xosé M. López Graña, Alfonso Pillado, Fernando Ramos e Francisco Comesaña.

Foron presidentes da FV Jorge Tocino Maquieira, Xosé Manuel García Crego, Gustavo Luca de Tena, Moncho Leal, Xosé Manuel Viqueira Sende, Valentín Alvite e Xosé Carlos Abal. Entre os seus máis activos colaboradores salientamos o labor de Manuel Camaño, Moncho Fernández, Mariña Vázquez, Luís Borines, Inhaqui Solla, Mariano Abalo, Xosé Collazo, Coral Prieto, Merchi Santiago, Ana, Beiroa, Toya, Paco Sebio, Celso López, Ernesto Sainz, Luisa Cuevas, Laura e Marina Quintillán, Alberto López, Eduardo e moi especialmente Yuri Domench.

Actualmente forma parte do Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC), integrado por 63 organizacións do Estado español que defenden a soberanía do primeiro Estado Socialista de América, combaten as mentiras diarias da propaganda dos media que entregan a súa liña editorial aos EUA, e denuncian a continuidade dun Bloqueo que maltrata desde hai máis de 60 anos ao pobo de Cuba e multiplica os recursos de chantaxe e terrorismo económico contra a illa. Asemade, participamos e distribuimos a publicación "Cubainformación", realizada pola Asociación Euskadi-Cuba, cuxo director José Manzaneda enfronta a semana vindeira un xuízo no que é acusado inxustamente e a quen se lle reclaman 6 anos de cárcere e unha multa de 50.000 euros.

Os vencellos de Cuba con Galiza son históricos. A emigración galega a Cuba forma parte da súa idiosincrasia, entre eles, o pai de Fidel e Raul Castro que era un galego de Armeá, boa parte dos asaltantes ao cuartel Moncada tamén eran galegos, ou fillos de galegos, como Julio e Pedro Trigo e Josué e Frank Pais.

Desde 1968 a 1972 todos os asteleiros de Vigo participaron na construción da Frota Cubana de Pesca, que creou un camiño sobre o mar entre Cuba e Galiza.

A proxección pública máis sonada da FV nesa altura foron as Xornadas Galego-Cubanas en Homenaxe a José Martí, celebradas en Vigo en abril de 1989, amparadas polo Concello de Vigo e o Goberno Autonómico. Nela participou a Unión de Escritores e Artistas de Cuba, representada por Norberto Codina, Emilio Comas e Luis Toledo Sande. Carlos Sirixei e Herminio Barreiro falaron da relación histórica entre Cuba e Galiza. O acto, coñecido como Semana de Martí, comprendeu palestras sobre a historia da emigración galega a Cuba, mostras de gravados, conferencias e a inauguración do monumento a Martí, obra de René Negrín, que foi doada á cidade de Vigo polo seu autor e a UNEAC, e que está emprazada nos xardíns das Avenidas en Vigo, fronte ao antigo Peirao de Madeira, porta de saída de emigrantes e quintos para as guerras coloniais. Nestas xornadas xestouse a visita de Fidel a Láncara en 1992. En outubro de 1998, Fidel regresará a Galiza para asistir en Porto ao VIII Cumio Iberoamericano.

No 2003, celebramos o 150 aniversario do nacimento de Martí, dedicándolle unhas xornadas coa participación do Cónsul Xeral de Cuba Humberto Hernández, Ánxel García Seoane, alcalde de Oleiros, Anisia Miranda, Herminio Barreiro, X. L. Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas, Xesús Alonso Montero, Xosé Luis García, Iolanda Novo, Xosé M. Dobarro, María Xosé Porteiro e Gustavo Luca. En lembranza desta data a nosa Asociación editou o libro "Martí, palabra de liberdade", coa colaboración do Concello de Oleiros.

Temos que salientar a creación en abril de 1995 do noso xornal voceiro "Terra sen Amos", impreso até 2004 en papel, e distribuido pola internet a partir desa data, responsabilidade de Gustavo Luca.

En 2007, lembramos os 40 anos da morte de Ernesto Che Guevara a través dunha mostra gráfica que foi inaugurada en Compostela. Xa en 1997, a vangarda da arte plástica e da escultura galega doara cen obras para unha mostra itinerante, que se titulou "Artistas galegos lembran ao Che". Foito da venda de parte destas obras, a FV puido facer unha importante achega económica para paliar os danos causados en Cuba polos ciclóns Gustave e Ike, en 2008.

En 2004, a FV conmemorou o centenario do primeiro plano escolar de Galiza. A mostra "De Cuba para Galiza" foi inaugurada en Compostela e exposta en Vigo, Viveiro e Ortigueira, antes de expoñerse no salón principal do antigo Centro Galego da Habana, como parte da Feira Internacional do Libro do ano 2008, que tivo a Galiza como nación invitada, deixando manifesto o trato dado á nosa cultura e á nosa nación por parte de Cuba.

En 2010 máis de 2000 persoas participaron nunha masiva manifestación en Compostela, en solidariedade con Cuba e en contra do bloqueo informativo. Subliñamos o papel do movimento feminista en Cuba e o impacto que ten o bloqueo sobre a muller cubana, contra o que loita activamente a Federación de Mulleres Cubanas, creada en 1960 e dirixida por Wilma Espín.

Hai seis anos, no 2017, fixemos unha multitudinaria homenaxe nacional galega a Fidel no Teatro Principal de Pontevedra, a cuxo Concello queremos agradecer a súa colaboración e apoio á Revolución Cubana.

Despois de 40 anos de vida, a FV ten asociados e asociadas por todo o País, locais abertos en Vigo e Compostela, grupos colaboradores en toda Galiza e organizamos actos como a conmemoración do natalicio de Martí, o 26 de xullo e realizamos concentracións apoiando o resultado das votacións anuais da asemblea da ONU, rexeitando o humillante bloqueo económico dos EUA contra Cuba. Asemade, organizamos conferencias nos que se tratan temas como a sanidade, a cultura e a economía da Revolución e participamos na Festa da Arribada en Baiona, no Festival da Poesía do Condado en Salvaterra do Miño e na iniciativa "Formigas solidarias" que envía insumos médicos e medicinas para os centros de saúde cubanos.

A inclusión de Cuba na ilegal lista de países patrocinadores do terrorismo ten efectos sumamente negativos na cidadanía cubana. Salientamos o labor solidario e altruísta do persoal médico cubano integrante da brigada Henry Reeve. Rexeitamos a posta en vigor do Título III da Lei Helms Burton que fortalece a extraterritorialidade da sua aplicación e socava o dereito internacional.

A difícil situación económica e social que atravesa Cuba é o resultado combinado da aplicación desa ilegal política, da crise internacional xerada a partir da pandemia da Covid-19, dos efectos da crise económica global polas guerras en Europa e contra Palestina e das máis de 240 medidas adicionais ao bloqueo, impostas polo goberno de Donald Trump a partir de 2017 e mantidas en máis dun 90% polo goberno actual de Joe Biden, salientamos os boicots contra as navieiras que transportan combustíbel e alimentos á illa e os atrancos ás transaccións financeiras internacionais. A desinformación pola parte anticubana oculta que a Illa ten o tránsito de mar patrullado para evitar entregas de hidrocarburos e víveres e que, en xeral, é sancionado o comercio internacional con Cuba mediante intervención dos sistemas de pago, xiro bancario ou transferencias. Non se menciona que neste apagón terman doce presidencias dos EUA dende 1961.

O Bloqueo viola os dereitos económicos, sociais e culturais da poboación cubana así como os seus dereitos civís e políticos, en tanto que pretende revertir o sistema político, económico e social que as cubanas e os cubanos escolleron libremente para si.

Unha xira de éxito realizada polo Presidente Díaz-Canel a fins de novembro de 2022 por Rusia, China, Alxeria e Turquía, permitiu restaurar lazos económicos, renovar contratos de enerxía, abrir novas posibilidades de investimento, cancelar débedas e retomar créditos. Asemade, crecen na contorna latinoamericana as relacións económicas con Cuba, como é o caso de Venezuela, México e Brasil.

Salientamos o encontro realizado en Cuba en outubro de 2023 de Eurodeputadas e Eurodeputados con representantes da Asemblea Nacional do Poder Popular, organizado pola Dirección de Relacións Internacionais do Goberno Cubano, no que Galiza contou coa honrosa representación de Ana Miranda, co seu apoio total á Revolución Cubana e a participación no exitoso Tribunal Internacional realizado en Bruselas, estando a nosa asociación representada por Luisa Cuevas.

Lembrarmos tamén o importante fito de Cuba asumir recentemente a presidencia do G77+China, grupo no que están integrados 134 dos 193 países da ONU, o que representa o 80% da poboación mundial, e que significa a unidade dos países do Sur .

Apoiamos a soberanía e autodeterminación de Cuba, pedimos a exclusión da Illa da espúrea lista de Estados patrocinadores do terrorismo, a suspensión da aplicación do Título III da Lei Helms Burton e o levantamento total, inmediato e incondicional do bloqueo. Neste empeño, Cuba conta co apoio total da Asociación FV, lembrando que o imperialismo estadounidense non é só un problema de Cuba, é un problema da humanidade.

VIVA CUBA SOCIALISTA E ABAIXO A CONTRARREVOLUCIÓN MERCENARIA!

VIVAN FIDEL, RAUL E DÍAZ-CANEL!

ATÉ A VITÓRIA SEMPRE!

MÁTRIA OU MORTE! VENCEREMOS!

Solidaridad
Cubainformación.- La Asociación Suiza-Cuba, en su sección de Basilea, informa a este medio que "perseveramos, cada 17 de mes realizamos una acción contra el despiadado bloqueo estadounidense a Cuba. Como hicimos el 5 ...
Cubainformación.- Como cada año, la txosna (caseta) de la asociación Euskadi-Cuba en las Fiestas del Carmen de la localidad vasca de Santurtzi, convoca a cientos de personas, que ya se han acercado a degustar, principalmente, el ...
Cubainformación.- Lleno absoluto. Más de quinientas personas coparon la Carpa de Encuentros de la Semana Negra de Gijón, para escuchar la conferencia “Periodismo en tiempos de culto a la mentira. La era del conspiracionismo...
Lo último
La Columna
Aplicado alumno
Gerardo Moyá Noguera*.- Dice Última Hora diario que más de 100 personas han sido ejecutadas en lo que va de año 2024, en el reino de Arabia Saudí. ¿Y si se tratara de Cuba? En Cuba, país dónde e...
La Revista