Sissi Abay visitou esta terza feira a redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina).


A subdirectora do Centro Fidel Castro Ruz, Sissy Abay, visita esta semana Galiza, onde participará en diversos actos para explicar as consecuencias que ten o bloqueo dos EUA para a economía cubana. Ademais, desprazouse a Vigo e Láncara (comarca de Sarria), onde naceu o pai de Fidel Castro, e a Compostela, para actos institucionais.

—Esta terza feira coñeceuse que Cuba solicitou a súa incorporación no grupo de Estados dos Brics+.

Cuba está disposta a dialogar de igual a igual con calquera Estado, mais a historia ensinounos a non depender de ningunha potencia estranxeira, chámese China, Rusia ou EUA. Con todo, é certo que hai Estados cos que temos mellores relacións históricas e que teñen posicións diferentes con respecto aos EUA, como son os Brics+, o que supón unha oportunidade para Cuba.

—Cuba leva décadas padecendo o bloqueo por parte dos Estados Unidos. Que consecuencias ten?
Desde 1962 cando o presidente dos EUA John F. Kennedy asinou a lei que instrumenta o bloqueo económico á illa de Cuba, este tivo unha repercusión inmediata e devastadora para o noso desenvolvemento socioeconómico, algo que persistiu no tempo e que se agudizou con novas normas en 1992 e 1996.

Donald Trump endureceu estas medidas traendo un deterioro das posibilidades financeiras de Cuba, mesmo nos incluíu nunha listaxe de Estados que patrocinan o terrorismo, o que fixo que cada céntimo que chega ou sae da illa sexa perseguido. Trump tamén suspendeu as licenzas  outorgadas por Barack Obama, o que dificulta moito que a xente veña a Cuba, unha economía que potenciara moito os servizos, sobre todo os dirixidos ao turismo.

—Cambiou a situación durante a Administración de Joe Biden?

Biden mantivo todas as medidas instauradas por Trump, a pesar de que se estabeleceron comunicacións bilaterais. O único elemento que mellorou foi a apertura da embaixada dos EUA na Habana para diversos trámites.

—Cren que mudará algo se Kamala Harris é presidenta?

O pobo de Cuba aprendeu durante 66 anos de Revolución que non pode depender de quen ostente a Presidencia dos EUA. Temos que crear as vías que  permitan desenvolvernos cos nosos propios esforzos e potencialidades. Non deixamos de recoñecer a importancia que ten contar con socios e investimentos estranxeiros, mais temos claro que o obxectivo de calquera Administración dos EUA vai ser acabar coa Revolución Cubana.

—O bloqueo dos EUA ten implicacións nas relacións de Cuba co resto do chamado Occidente?

Temos relacións cordiais coa maioría dos Estados do mundo, incluídos os da OTAN, a partir do respecto mutuo e de igual a igual. Todas esas delegacións na ONU votan a favor das resolucións cubanas para acabar co bloqueo, hai respaldo diplomático posto que tamén son prexudicadas por esta situación, pensemos nun empresario que ten deixar de investir en Cuba por culpa disto, de calquera Estado, tamén sofre as consecuencias.

Con todo, os EUA penalizan os Estados que teñen relacións con Cuba, e esta coacción que exercen sobre o resto da comunidade internacional ten implicacións moi complicadas para nós e para o resto do mundo.

—A pesar das dificultades, Cuba é exemplo en moitas materias.

Todo o proxecto de país que se constrúe a partir de 1959 está centrado no desenvolvemento humano, non só a través de altos niveis de eficiencia económica, senón tamén a nivel cultural, así como asegurando a educación e a sanidade universal e gratuíta.

—Dan prioridade á cooperación.

Damos moita importancia a axudar aos pobos do terceiro mundo. En Cuba estudan mozos e mozas de 59 Estados no sistema de saúde pública. Ao ser sufragado polo Estado, hai que buscar moitas alternativas para non suspender ningún destes proxectos, o cal nunca foi unha opción.

A chave da paz, nos países non aliñados

Sissi Abay é a subdirectora do Centro Fidel Castro Ruz, institución pública que divulga o pensamento e a obra do líder cubano, quen tamén tivo un papel fundamental no Movemento dos Países Non Aliñados (NonAl). "Fidel foi un promotor da esencia do NonAl porque entendía o risco que supuña a guerra para a humanidade e o papel que xogaban os países non aliñados para evitar os conflitos", explica Abay. "No momento no que vivimos, no que obviamente estamos nunha situación moito máis complexa que nunca, con Estados que teñen armas nucleares e de destrución masiva e cunhas tensións crecentes en Oriente Medio que poden levar a un conflito internacional coa participación das principais potencias mundiais, o chamado á paz que defendía Fidel e no que os países non aliñados xogan un papel protagonista é moi necesario", conclúe a subdirectora.

Solidaridad
Correo del Orinoco La iniciativa busca impulsar acciones orientadas a combatir al fascismo, en todas sus expresiones, y a promover un movimiento de solidaridad internacional en defensa de la humanidad y del planeta, amenazados todos por el capitalism...
Caracas, 21 nov (Prensa Latina) El Gobierno de Venezuela envió hoy a Cuba un nuevo cargamento con más de 200 toneladas de ayuda humanitaria para resarcir los daños ocasionados por los huracanes que afectaron a la isla en las &ua...
Lo último
La Columna
25 de Noviembre Amor a la vida
El 25 de noviembre se acerca. El magnífico guía de Cuba Revolucionaria que ha hecho crecer la conciencia, la razón y el humanamente rebelde timbre en los sentidos, ha enseñado las mejores prácticas y las esencias - ...
La Revista